l
 A.V.P.C. "San Paio" A Estrada A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil "San Paio" de A Estrada comezou a súa andaina no ano 1993 co fin de prestar un servizo ao cidadán, na colaboración de festas, actos deportivos, masas de xente, etc. obtendo un gran éxito xa que a inscrición de voluntarios durante este ano fíxonos ser unha das agrupacións de voluntarios máis grandes de Galicia, chegando a alcanzar entre os anos 1993 e 1994 a cifra de 200. Ao longo destos anos, dúas empresas estradenses cedéronnos senllos vehículos para poder desprazarnos aos diversos operativos que ían xurdindo, tanto no centro urbano como nos arredores. Posteriormente, recibimos da Xunta de Galicia unha primeira ambulancia que utilizamos en urxencias que se daban en operativos aos que acudiamos.
O 1 de maio de 1994 iníciase o servizo de 24h. os 365 días do ano, atendendo así todo tipo de urxencias, talles como: accidentes de tráfico, traslados en ambulancia, incendios... mellorando aínda máis cando o Excmo. Concello da Estrada puxo á nosa disposición un vehículo de extinción de incendios.
Nos anos 1997 e 2004 créase respectivamente o G.R.U.M.I.R. (composto por 12 membros) e o S.M.P.C (composto por 9 membros), estes membros están remunerados, cubrindo o servizo de forma continua as 24 h. os 365 días do ano. Éstos, unidos aos voluntarios forman un persoal de profesionais en estreita colaboración.
Co paso do tempo foron chegando máis vehículos e material; un todoterreo para o desprazamento aos operativos e o equipo de excarceración co que asumimos unha tarefa tan importante como o rescate de persoas atrapadas, unha autobomba urbana pesada e unha autobomba ama de cría. Estes vehículos axudaron a mellorar o servizo e fóronse incorporando aos poucos ao parque móbil da agrupación.
En 1997, créase o G.C.R. (Grupo de Cans de Rescate) , afrontando un novo reto como é o adestramento de cans para a procura de persoas desaparecidas, realizando un labor necesario que ata ese momento facíase de forma tradicional e menos eficaz. O G.C.R., nos seus comezos, contaba con 7 guías e 4 cans, chegando á cifra de 9 guías e 11 cans actualmente, dos cales 5 son cachorros en período de aprendizaxe.
Na actualidade, tamén se imparten cursos a distintos colectivos co obxectivo de pór ao coñecemento da poboación como previr e actuar en distintas situacións de urxencia que poidan xurdir.
|